Axuda de fomento da gratuidade da Escola Infantil

ORDE do 20 de xuño de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa dos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia en escolas infantís 0-3 para o curso 2022/23 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420C).DOG nº119 do 22 de xuño do 2022

Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas para promover a aplicación nas escolas infantís 0-3 anos da súa titularidade dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada aos nenos e nenas da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de setembro de 2022 e o 31 de agosto de 2023 (código de procedemento BS420C).

2. Así mesmo, serán destinatarias da concesión de axudas económicas as entidades privadas xestoras destes recursos que acrediten a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada desde o inicio do dito curso.

3. Para os efectos desta orde, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estancia nunha escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular e continuada á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúanse da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

4. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.