Identidade

 O Colexio Vila do Arenteiro é unha Sociedade Cooperativa de traballo asociado, cos seguintes valores:

  •  Unha escola onde prime o valor cooperativista.
  •  Unha escola que respecte e sinta amor pola natureza.
  •  Unha escola defensora da liberdade de cátedra, entendendo por tal o dereito dos ensinantes a expoñer, sen adoutrinamento, proselitismo ou sectarismo, o seu enfoque persoal no labor docente, dentro do respecto ás normas establecidas e ás opinións discrepantes.
  •  Unha escola xestionada participativa e democrática.
  •  Unha escola aconfesional.
  •  Unha escola que se relacione co seu entorno e promova valores como a solidariedade, a non discriminación e o respecto polo medio que nos rodea.
  • Unha escola na que as relacións entre os diversos compoñentes estean presididas por un enfoque humanístico, nas que o diálogo, a tolerancia e a disciplina sexan as máximas de actuación.

No centro propóñense como metas a de acadar, os seguintes fins:

  • Terá como obxectivos senlleiros a educación na liberdade e no pluralismo, a tolerancia e o respecto ás diferenzas entre os pobos e os individuos.
  • Desenvolverá o espírito crítico do alumnado, fomentará a súa autonomía e ofreceralle unha formación útil para a súa integración na sociedade.
  • Fomentará a adquisición de hábitos intelectuais e de coñecementos, e desenvolverá as súas capacidades individuais.
  • Facilitará a creación e desenvolvemento da propia organización do alumnado.
  • Estimulará a competencia persoal e a colaboración mútua, fronte á competitividade.
  • Transmitirá coñecementos para tentar conseguir que o alumnado teña unha actitude aberta e receptiva aos cambios que o progreso e a técnica nos aportan.
  • Fomentará e valorará o interese polo bo funcionamento do centro.

 Confesionalidade.

O centro declárase aconfesional como institución. Será respectuoso coas crenzas individuais dos seus membros que non vaian en contra dos principios básicos do ensino e da convivencia.

Lingua de aprendizaxe.

O Colexio Vila do Arenteiro manifesta o seu compromiso de non discriminación por razóns lingüísticas. Sométese, ademais, expresamente ó lexislado para o uso das dúas linguas oficiais. Consciente do distinto grao de uso do Castelán e do Galego, promoverá a Normalización deste último, entendendo que tal feito implica unha maior riqueza cultural e máis posibilidades de achegamento á sociedade na que vivimos.

Liña metodolóxica.

O Centro non avoga por propostas metodolóxicas concretas, senón por calquera que teña en conta os seguintes principios:

  • A participación activa dos alumnos e alumnas na súa propia formación.
  • O estímulo das capacidades de crítica, autocrítica, autonomía, así como de investigación e comunicación.
  • A funcionalidade, no senso de que sexa transmisora de coñecementos, habilidades e valores que sirvan para a formación global dos alumnos e a súa integración na sociedade.
  • A atención á diversidade de capacidades e personalidades do alumnado.
  • A avaliación sistemática de todos os procesos implicados na tarefa docente.

Coeducación.

O Centro recoñece que aínda está por acadar totalmente a igualdade efectiva entre os sexos e márcase como meta a eliminación de todos os comportamentos e manifestacións de carácter sexista.

  • Favorecerá as condicións materiais axeitadas para mellorar a convivencia entre os distintos sexos.
  • Revisará o contido das distintas materias á luz dunha maior igualdade e solidariedade entre sexos.

A educación, un proceso integral.

O Colexio Vila do Arenteiro ofrecerá ao seu alumnado unha formación que, ademais de suficiente no plano dos coñecementos, lles permita formarse como persoas capaces de desenvolverse por si mesmas, de acordo con valores éticos e morais.

O Centro declara como principios, verbo deste aspecto os seguintes:

  • A apertura do centro ó seu entorno e á sociedade.
  • A gran importancia das actividades complementarias e extraescolares na formación das persoas.